Estou abraiado por ser finalista nos XII PREMIOS OPINIÓN

Entrevista feita por Óscar Losada na seguinte ligaçom

Alonso Caxade: “Estou abraiado por ser finalista nos XII PREMIOS OPINIÓN”

Alonso Caxade, caracterizado nesta foto promocional como o señor Xorda. / a.c.

Alonso Caxade, caracterizado nesta foto promocional como o señor Xorda. / a.c.

O músico Alonso Caxade está nun momento de plena efervescencia musical, xa que ademais das candidaturas logradas para os PREMIOS OPINIÓN con PeldeNoz,  mellor disco e artista, o proxecto da banda que leva por nome o seu apelido gañou recentemente o certame Música Xove, organizado polo Concello de Santiago de Compostela, e un videoclip cunha peza desa formación foi elixido como finalista dos Mestre Mateo.

–Comecemos falando das dúas candidaturas acadadas por PeldeNoz aos XII PREMIOS OPINIÓN de música folk, nos que vostede opta a vencer no apartado de mellor artista. Como valora eses recoñecementos?

–Foi unha loanza total formar parte dos finalistas, algo que non contabamos e menos o de lograr unha candidatura como mellor artista, algo que me deixou abraiado ao estar canda artistas de moito prestixio. O xurado obviou proxectos que se poden considerar como máis comerciais e teñen maior sona. Agradecemos que se fixaran en nós. Isto dános azos para seguir adiante. É un reforzo positivo para PeldeNoz,  no que facemos un traballo de formiga cunha estética musical que non é a que ten máis saída por mor desa mestura realizada entre a tradición e o jazz. Necesitamos ir gañando adeptos, pero sabemos que estes virán paseniñamente.

–Coa banda Caxade vén de gañar o certame Música Xove e un videoclip cunha das pezas feitas para ese conxunto acadou unha candidatura aos premios Mestre Mateo.  Iso supón darlle unha boa visibilidade ao grupo. Cando sairá o álbum desa nova banda?

–Fixen os videoclips precisamente para dar a coñecer o grupo, xa que non somos coñecidos e necesitabamos un reclamo para que o público fose sabendo de nós. Imos seguir facendo algún vídeo e gustaríanos poder presentar á banda en directo no período estival. Veremos se o disco sae a finais deste ano ou o que vén e o ideal sería que puidese ir acompañado dun DVD cos vídeos. Ser finalista dos Mestre Mateo, canda xente como Henrique Otero, é un paso importante.

–Chámase Caxade o grupo porque as composicións son todas súas e debe exercer un liderado claro na formación?

–Eu son a cara máis visible, para ben ou para mal, e as loanzas ou críticas deben ir á miña mochila. Fun gravando as pezas na miña casa e logo incorporei a músicos para que todo tomase corpo. Somos un grupo que non ten unha instrumentación ao uso, aínda que o bombardino fai as funcións de baixo, o bombo e pandeira poderían considerarse como unha batería e o acordeón como guitarra acompañante.

–No grupo exerce de cantante, un labor no que non era coñecido. Como afronta ese reto?

–É realmente un reto. Como a mensaxe sae de min pensei que debería ter a ousadía de comunicalo ao ouvinte persoalmente. Antepuxen a parte emotiva á técnica. Fágoo con ilusión e irei pasando por un proceso de aprendizaxe.

–As letras son parte importante desta iniciativa musical. De momento achamos textos cunha temática social importante.

–O proxecto arrincou co tema Dança dos moscas, onde se fala de que todo o mundo quere un anaco de torta aínda que este sexa unha merda. En Xente Pota falo do poder económico que nos manexa. E temos preparada unha peza que fala da lei D’Hondt electoral e a canción Demos grazas, na que, con ironía, o texto fala de que debemos dar grazas por ter traballos con soldos miserables, sufrir as hipotecas e constatar que o futuro para os nosos fillos non vai ser nada bo. O folk ten unha ligazón coa canción protesta e gústanos transitar por ese vieiro, xa que é importante soltar o discurso que levas dentro.

–Forma parte do cuarteto Caramuxo. Editarán o seu agardado segundo disco este ano?

–Comezarémolo a gravar  nuns meses e podería ser publicado a finais de ano. A ver se o podemos realizar con máis calma que o anterior, que debimos solucionar en cinco días. Xa está elixido o repertorio, que estará na onda do anterior, quizais cun punto máis arriscado e moderno.

Anúncios

Deixe uma Resposta

Preencha os seus detalhes abaixo ou clique num ícone para iniciar sessão:

Logótipo da WordPress.com

Está a comentar usando a sua conta WordPress.com Terminar Sessão / Alterar )

Imagem do Twitter

Está a comentar usando a sua conta Twitter Terminar Sessão / Alterar )

Facebook photo

Está a comentar usando a sua conta Facebook Terminar Sessão / Alterar )

Google+ photo

Está a comentar usando a sua conta Google+ Terminar Sessão / Alterar )

Connecting to %s